top of page

A lingua da obra

Serbio, serbocroata, croata... en que lingua está escrita A ponte sobre o Drina? Atendendo á descrición da contraportada (e ó contrato de edición), a obra está escrita en serbio. Porén, existía unha lingua denominada "serbio" no momento no que se edita a novela? Seica non era "serbocroata" a denominación oficial?


Sobre este tema xa falei abondo cando a editora Hugin e Munin publicou a miña tradución de Noventa anos despois do autor serbio Milovan Glišić. Porén, e vendo o que as veces se publica nas redes sociais sobre o tema, penso que cómpre completar a un pouco esa entrada cunha serie de datos adicionais.

No momento da edición d'A ponte sobre o Drina (1945), non existía unha lingua denominada "serbocroata". Ese termo é considerado oficial (xunto con "croataserbio", "serbio ou croata" e "croata ou serbio") a partir de 1954 (no denominado "Acordo de Novi Sad"). Cadaquén viña utilizando até esa data diversos nomes para a lingua, nomeadamente "croata" ou "serbio" xa que non existía unha lingua oficial (nin tampouco unha norma oficial!) dende a creación do estado unitario en 1918 (a pesar de diferentes intentos).

Esas normas baseábanse nos principios acordados en 1850 en Viena. Eses principios afectaban, principalmente, á morfosintaxe da lingua, pero certas cuestións -como por exemplo, o léxico- non formaran parte do acordo e viña sendo unha das diferenzas principais entre as normas en uso.

O acordo de Novi Sad, ao abeiro do estado socialista iugoslavo, unifica (pero sen mesturalas!) as normas tradicionais de uso en Croacia, Serbia, Bosnia e Hercegovina e Montenegro, considerando que son unha soa lingua, e planifica unha posterior creación dun corpus léxico unificado (que non se chegou a materializar na práctica).


A linguaxe que emprega Andrić está chea de usos lingüísticos e de léxico tipicamente bosnios (que non exclusivamente bosníacos!), presente, aínda hoxe na fala popular. As características morfosintácticas son máis próximas (aínda sen coincidir plenamente) ás recollidas na norma croata da época, pero o alfabeto que emprega na primeira edición (e o de uso habitual en Belgrado, onde Andrić escribe a obra durante a II Guerra Mundial) é o cirílico.




(Imaxe dun exemplar da primeira ediciäon d'A ponte sobre o Drina procedente da Wikipedia. O curioso desa portada é que, na parte superior, o subtítulo di "Escritores sudeslavos" e non "iugoslavos")


Andrić considera que a súa obra está en serbio. Hai que ter presente que a denominación da lingua era unha cuestión "aberta" ao usuario e ese é o motivo polo que o acordo de Novi Sad permite catro denominacións para a lingua, salientando ademais que todas son igual de válidas. Así, a partir de 1954 a obra aparece como escrita en serbocroata (ou croataserbio, serbio ou croata, ou croata ou serbio, dependendo o nome do editor) e non é até principios deste século que de novo pasa a ser considerada como escrita en serbio.


A pesar da popularidade de empregar o termo "serbocroata" como denominador dunha lingua, o certo é que é unha solución para dotar dun nome as normas morfosintácticas de uso oficial nas repúblicas de Croacia, Bosnia e Hercegovina, Montenegro e Serbia a partir de 1954. Iugoslavia, por certo, non tiña lingua oficial (agás no exército e na diplomacia, nas que era de uso obrigado unha das linguas que confirmaban a norma denominada serbocroata), senón que cada república federada decidía a lingua que era oficial en todo o seu territorio. Que a nivel internacional o nome "serbocroata" tivese maior aceptación foi debido a que na capital, Belgrado, era a forma empregada.


Por que falo de norma e non de lingua serbocroata? O serbocroata recollía solucións morfosintácticas incompatibles entre si: é dicir, sancionaba usos recollidos na tradición literaria serbia ou croata, pero non os mesturaba. Por exemplo, aceptaba o uso en igualdade de condicións dos dous alfabetos ou o uso de infinitivo ou subordinada nominal tras verbo modal... pero non os dous ó par. Non houbo (e o serbocroata certamente non o foi) unha tentativa de creación dunha koiné, eliminando aqueles trazos menos usados numericamente ou xeograficamente de extensión máis reducida, por exemplo, onde houbese discrepancias e impondo unha solución única e común. A norma serbocroata recollía de xeito paralelo e en igualdade -teórica- a norma literaria croata e a norma literaria serbia.


A escolla da denominación dun ou doutro nome por parte dos usuarios era, até 1954, individual e servía como marcador de identificación nacional. Nun estado como o iugoslavo, no que a II Guerra Mundial fora unha durísima guerra civil, a eliminación dunha denominación nacional para unha ferramenta de uso común entre varios dos seus pobos era extremadamente práctico. Pero, de novo, o que realmente se modificaba era só a súa denominación oficial: as normas que uns e outros empregaban seguían a ser as mesmas. De feito, o conflito lingüístico prende nos anos 70 do século pasado, cando se intenta pór en práctica o devandito corpus léxico común.


A día de hoxe a obra de Andrić aparece publicada en Serbia cun apéndice de máis de 200 palabras, principalmente de orixe turca, que eran (ou seguen a ser) de uso común na falas de Bosnia, daquela por todos os grupos étnicos, hoxe en día, principalmente, polos bosníacos.


O serbocroata nin é nin foi un termo técnico, senón que foi unha solución pragmática para evitar un conflito lingüístico e que tan pronto desapareceu o estado común foi rexeitado (politicamente) polos seus herdeiros. Son do parecer que estes herdeiros, porén, teñen unha actitude diferente con respecto á herdanza. Por unha parte, os croatas consideran croata á lingua que se axuste á norma, á marxe da orixe do falante; pola outra, os serbios consideran que é serbio todo o que os serbios falen, axústese ou non a fala á norma de uso oficial en Serbia. Con esa consideración, xaora, A ponte está escrita en serbio. Cun percepción máis normativista é certamente un aspecto discutible.





Comments


bottom of page