top of page

Na ponte ou nunha ponte?

(En lembranza de Sonia Montero Gálvez* e do seu can Boris)


En galego, en portugués de Portugal, en catalán, alemán, inglés, húngaro (as traducións que lin)... é A ponte sobre o Drina. En castelán e eúscaro é Un puente sobre el Drina / Zubi bat Drinaren gainean. A que se debe esa diferenza?





As linguas eslavas -agás o búlgaro e o macedonio- carecen de artigos, nin determinados (o, a, os, as) nin indeterminados (un, unha, uns, unhas) polo que o título da novela en serbio, На Дрини ћуприја, carece de artigo. Logo, como saber se é A ponte ou Un puente?


Que as linguas eslavas non teñan artigos non significa que carezan do concepto (pido desculpas ás persoas que sexan filólogas, non o son, pola explicación) de determinación ou indeterminación dun susbstantivo. Existen distintas posibilidades para determinar (ou indeterminar) un substantivo. O título, literalmente, é No Drina [en caso locativo] ponte. Esta inversión (noutras linguas eslavas coma o esloveno o título é Most na Drini) é a que no meu parecer determina a ponte: falamos da ponte que está sobre o Drina. No caso contrario -creo eu- non habería esa inversión. Porén, pode ser visto coma unha cuestión estilística (como de feito é o emprego do turcismo para ponte -ćuprija- e non o termo eslavo existente nas demais linguas da familia, most). Sobre turcismos no léxico e estilo xa falarei.





Se esta explicación non resultase abondo convincente, hai outra no interior do texto:


(Para entendermos con claridade e de xeito pleno a imaxe da kasaba e a natureza da súa relación coa ponte, temos que saber que na vila existe outra ponte, do mesmo xeito que existe outro río: o Rzav, coa súa ponte de madeira. Nun extremo da vila, o Rzav conflúe no Drina, de xeito que o seu centro está situado sobre unha lingua de area entre dous ríos, o grande e o pequeno, que se xuntan aquí, e os barrios das aforas atópanse nas beiras da ponte, na ribeira esquerda do Drina e na ribeira dereita do Rzav. A vila está na auga. E aínda que existe outro río, e polo tanto outra ponte, ao dicirmos “na ponte” non nos referimos á ponte sobre o Rzav, construción de madeira carente de beleza, de historia, sen outro sentido que o de servir de vía de paso, senón que sempre e exclusivamente facemos alusión á ponte de pedra sobre o Drina.)

(A ponte sobre o Drina, 2022, páx. 8 e 9; a negriña é miña)


Creo que non precisa máis explicacións. Agora, por que en castelán e eúscaro din "Un puente", "Zubi bat"? Está mal?





Non, non está mal. De feito, o único que provoca é darlle outro ton ó título e, quer máis misterioso, quer máis anónimo, o personaxe da ponte. O motivo, no caso do castelán, (non me atrevo a dar unha explicación para o caso do eúscaro, xa que podería ser unha cuestión gramatical) está no francés.





A primeira tradución desta novela de Andrić ó francés (de 1961) levaba como título Il est un pont sur la Drina : Chronique de Vichégrad. Este tipo construcións precisan dun artigo indeterminado nas linguas romances (Hai unha ponte sobre o Drina que diriamos en galego). Eis o motivo dese "un pont". Na retradución de 1999 (o momento estelar desta novela, ao coincidir coa operación da OTAN contra Iugoslavia, xa falarei da influencia que tivo nas edicións da obra) modificaron o título, Le Pont sur la Drina.


E isto que ten que ver co castelán "un puente"? Pois a primeira tradución (e as súas sucesivas redicións) é de 1963 e foi claramente traducida dende o francés (na base de datos do ISBN aparece como tradución do serbio de Luis del Castillo Aragón, do que non hai máis información, xa que foi a súa única tradución). Cando no 2010 Luisa Fernando Garrido e Tihomir Pistelek fan a primeira (e excelente) tradución directa dende o serbio para o castelán de España, o título xa está "fosilizado" e non merece a pena mudalo (tampouco é algo tan grave) atendendo á popularidade que xa ten. Lembrade que, os títulos, non son necesariamente unha escolla dos tradutores!


Porén, cando eu pensara que a diferenzas nas linguas romances estaban entre "unha ponte" e "a ponte" con cadanseu motivo, apareceu no ano 2020 a tradución ao portugués do Brasil... que nos leva á terceira vía:




Se algún filólogo galego-portugués ten a ben explicar esta ausencia de artigo, agradézollo.



Sonia Montero Gálvez, a quen vai adicada esta entrada, foi lectora de castelán na Universidade de Saraievo mentres eu vivía alí. A súa tese de doutoramento trata o uso do artigo determinado, indeterminado e a ausencia de artigo no castelán, tomando como referencia o bosnio-croata-serbio. Infelizmente Sonia morreu en 2020, cedo de máis. Se tedes un par de minutiños, lede este texto na súa memoria que apareceu publicado na sempre interesentísima web Balcanismos.

Comments


bottom of page