top of page

Novelas, documentais e a historia

A ponte sobre o Drina é unha novela histórica e non un libro de historia. Creo que é unha frase obvia que non debería ser motivo de debate. De feito, o meu obxectivo nesta bitácora é ir presentando os feitos históricos que hai na narración, contrastando fontes para así desmentir a idea -moi estendida dende os noventa- de que a novela serve como manual para entender polo miúdo o conflito da desintegración iugoslava... porque non é tal.


Isto é algo que acontece con calquera produto cultural de consumo de masas, que vai sempre acompañado de grandes expectativas, pero estes produtos non poden ser interpretados, de xeito illado, coma unha fonte de información única e sobretodo infalible. En especial cando o que nos proporciona é a información que queremos oír ou que se achega ás nosas crenzas ideolóxicas. A Historia -e digo isto sen ser eu historiador- nunca se pode fundamentar nunha única interpretación dos feitos e moi especialmente se esa interpretación nos é presentada coma "alternativa".

Digo isto porque nas últimas semanas está a recibir unha importante publicidade e unhas louvanzas (no meu parecer inmerecidas) un documental patrocinado polo goberno serbio sobre as orixes da I Guerra Mundial e dispoñible en Netflix:

Unha parte importante do documental inclúe explicacións sobre a ocupación e anexión de Bosnia e Hercegovina por parte do Imperio Austro-Húngaro, feitos eses que son unha parte moi importante da narración n'A ponte sobre o Drina. A interpretación, porén, que o documental fai deses feitos é, de novo, no meu parecer, extremadamente tendenciosa. Tanto é así que, nalgúns aspectos, a novela é historicamente máis exacta có documental.


O documental, creo eu, ten tres alicerces interpretativos principais. Por unha parte un historiador británico, John C. G. Röhl, o maior experto sobre o derradeiro emperador alemán Guillerme II; por outra Lothar Höbelt, un historiador austríaco "conservador" (como ben se pode ver na súa vestimenta... e é que en Austria e Alemaña o hábito fai ó monxe) e, principalmente, Dušan Bataković, un historiador e académico serbio que é quen dá cohesión ó relato do documental.


(Sendo sincero, querería eu ver certas declaracións de Höbelt ao completo, e non só os cortes que aparecen no documental, en especial sobre a Guerra do porco e a venda de armas francesas a Serbia adquiridas con créditos franceses).


A presenza do austríaco e en especial do británico ten como finalidade expor argumentos contrarios ao contido dun libro do ano 2014 do historiador australiano Christopher Clark titulado The Sleepwalkers: How Europe Went to War in 1914. Esta obra foi recibida con críticas por parte de varios historiadores en Alemaña e especialmente en Serbia, xa que presenta unha revisión das orixes da I Guerra Mundial que, (moi) resumidamente, nega que a culpa toda do conflito fose exclusivamente de Alemaña e do emperador Guillerme II. Clark defende que os participantes todos querían (ou mellor dito, non fixeron ren por evitar) o conflito, incluída a propia Serbia, onde no relato histórico tradicional é considerada unha víctima e non unha agresora ou a iniciadora do conflito -considerándose como marxinal a implicación de membros da intelixencia do exército serbio na cédula que artellou o asasinato do arquiduque Francisco Fernando en Saraievo.


(Como pequena curiosidade: non está claro que Gavrilo Princip e Ivo Andrić se coñecesen. Pero é moi, moi, moi probable que así fose. Falo disto noutra entrada)


Bataković, pola súa parte, contextualiza toda a información que os historiadores dan e explica a situación nos Balcáns occidentais (Serbia e Bosnia e Hercegovina) con respecto a Austria-Hungría. E faino cunha coidada presentación de datos que son, no meu parecer, parciais ou inexactos... nalgúns casos incluso chistosos, como a mención que fai sobre a chegada do ferrocarril a Bosnia e Hercegovina (que aparece n'A ponte) que define como destinada á explotación dos recursos bosniohercegovinos por parte do Imperio. (Debe ser que o tren, en Serbia, tiña fins exclusivamente recreativos e non comerciais).


Moitos dos datos de Bataković poden ser ben contrastados ben contextualizados consultando as fontes primarias, porque tal e como Andrić relata n'A ponte:


Os forasteiros nin descansaban nin deixaban descansar; semellaba que con esa rede invisíbel, aínda que cada día máis definida, de leis, ordes e regulamentos estivesen decididos a controlar a vida, as persoas, os animais e os obxectos, medindo e cambiando canto tiñan ao seu redor, dende o aspecto da vila até os costumes das xentes, dende o berce até a tumba. E facían todo isto con calma, sen falar moito, sen forzar nin impor nada, polo que a xente non tiña de que se queixar. (...) Medían a terra erma, contaban as árbores da fraga, revisaban os sumidoiros e as canalizacións, mirábanlles os dentes aos cabalos e ás vacas, analizaban os pesos e as medidas, preguntaban polas enfermidades da xente, o número e nome das froitas ou os tipos de ovellas e aves. (Semellaba un xogo; até tal punto eran a ollos da xente incomprensíbeis, ridículos e vans estes traballos.) E despois de clasificaren toda esta información con tanta atención e coidado, desaparecían coma se os tragase a terra, esvaecéndose.

(A ponte sobre o Drina. 2022, páx. 151-152)


É dicir, o Imperio Austro-Húngaro levou adiante os primeiros censos e cómputos obxectivos na rexión, polo que as fontes primarias dos datos que Bataković presenta son datos austrohúngaros. O interesante é o contexto que lles dá. Por exemplo, Bataković afirma que a taxa de alfabetización en Bosnia e Hercegovina era a máis baixa. O que é certo... se fala do Imperio Austro-Húngaro. Se fala da rexión, as de Serbia, Romanía, Bulgaria ou Grecia era aínda maiores, e se fala de Europa, a lista de países aumenta. Alén disto, o ton de Bataković está sempre e exclusivamente centrado nunha perspectiva serbia (algo normal). O problema é que semella que Bosnia e Hercegovina non ten iniciativas de seu (mencionando só as que son pro-serbias) e o papel de Austria-Hungría parece ser evitar o seu natural e beneficioso achegamento a Serbia. O culme é cando fala da creación dunha cultura bosnia imposta ós serbios en Bosnia e Hercegovina... pero define a Gavrilo Princip como bosnio.


Para a preparación da tradución d'A ponte lin unha ducia de libros de historia de diversos autores e en varias linguas para ter unha noción clara do contexto no que se desenvolve a obra de Andrić. A que máis me sorprendeu e sigo considerando maxistral é a obra da que creo (firmemente) que Bataković tira os datos, a monumental The Balkans Since 1453 de L. S. Stavrianos que a pesar de ter case 65 anos segue a estar insuperada en cuestións de contido e fondura. (Eu traballei coa edición de 2000. Moi recomendable. Dos poucos libros dos que teño dúas copias).


Insisto, non sendo eu historiador, teño ás veces a sensación de que o papel que as novelas históricas tiñan na formación dunha serie de nocións históricas nos lectores, téñenos hoxe en día os documentais televisivos como The Long Road to War, produtos de consumo rápido, cun obxectivo a priori claro e de tan fácil dixestión como intelectualmente atractivos. Eu non teño nada en contra porque son un galdrumeiro, pero si que me amola consideralos como fontes infalibles e obxectivas.

Para rematar: se hai unha obra sobre o atentado que me deixou absolutamente fascinado é Nezemaljski izraz njegovih ruku (algo así coma O aceno celestial das súas mans) de Miljenko Jergović. É unha sorte de ensaio-novela sobre Gavrilo Princip e o Saraievo do seu tempo, presentando a distintos persoeiros da ou na cidade que tiveron relación directa ou indirecta co atentado. Aparece Andrić. E (coma Princip) non queda moi ben parado.

Comments


bottom of page