Ivo Andrić, segundo Martens na súa excepcional biografía, é a única persoa da que se teña constancia que coñecese persoalmente a tres dos principais actores da historia no século XX:
Gavrilo Princip, o autor material do asasinato do arquiduque Francisco Fernando en Saraievo, que serviu de casus belli para o comezo da I Guerra Mundial. Andrić pertencía tamén á organización Mlada Bosna (Bosnia moza) e con case absoluta certeza coñecía a Princip. Que grado de amizade e trato tiñan é un misterio pero coincidiron nalgunha ocasión.
Adolf Hitler recibiu de Andrić as cartas credenciais coma cónsul do Reino de Iugoslavia en Berlín. Posteriormente Andrić falaría da frialdade dos seus ollos azuis. Andrić era o diplomático iugoslavo de máis alto rango en Berlín cando, en abril de 1941, as tropas do reich atacaron Iugoslavia. Foi detido e co resto da legazón diplomática deportado a Suíza. Andrić decidiu volver ó Belgrado ocupado, o que noutras circunstancias sería motivo de execución trala liberación de Iugoslavia. O que sería o disidente iugoslavo máis famoso, Milovan Đilas, coa súa intervención foi o que (moi probablemente) lle salvou a vida, o que fixo que Andrić coñecese a...
Iosip Stalin, como integrante dunha delegación cultural iugoslava á Unión Soviética antes da ruptura de relacións en 1948.
E, obviamente, Andrić coñeceu a Josip Broz "Tito" pero, aparentemente e segundo conta Martens, non había moito aquel entre os dous.
Chama a atención que un autor recoñecido por como trata a historia con minúscula de persoas anónimas nas súas obras, tivese a ocasión de coñecer a tres dos persoeiros máis influintes do século XX. Outros cun tercio desa bagaxe vivirían (tamén) do conto.
Comments